martes, 8 de noviembre de 2011

MADEexpo Feira Internacional de Arquitectura , Deseño e Construción.

MADEexpo Feria Portada



Os días 5, 6, 7 e 8 de Outubro celebrouse MADEexpo - Milano Architettura Design Edilizia: Salón internacional de arquitectura, deseño e construción cun enfoque 360º que ofrece unha ampla visión do sector dende tódolos seus aspectos. Innovación tecnolóxica e construtiva, materiais de alto rendemento e diferentes eventos transversais que abordaron a actualidade da construción. 

MADEexpo Feria
O recinto feiral deseñado por Massimiliano Fuksas é un dos máis modernos e máis grandes de Europa. Ten unha superficie bruta de 530.000 metros cadrados e unha capacidade expositiva de máis de 260.000. Arquitectura futurista de vangarda ó servizo da enxeñería civil.


MADEexpo Feria 2
Nesta edición MADEexpo recibiu 253.533 visitantes e contou con 1.950 expositores nunha superficie de máis de 96.000 metros cadrados. Sectores:

ESTRUTURAS, SISTEMAS DE CONSTRUCIÓN E MATERIAIS
ENVOLTURA DA CONSTRUCIÓN
ARQUITECTURA E ACABADOS INTERIORES
TECNOLOXÍAS INFORMÁTICAS PARA O PROXECTO E A CONSTRUCIÓN
EQUIPOS, TECNOLOXÍAS E SOLUCIÓNS PARA AS OBRAS
INSTALACIÓNS E ENERXÍAS RENOVABLES
O PROXECTO E OS SERVIZOS PARA A CADEA DE SUBMINISTRACIÓNS DA CONSTRUCIÓN
INSTALACIÓNS DEPORTIVAS, PISCINAS E DECORACIÓN URBANA

MADEexpo Feria 3
Os stands son a canle a través da cal a empresa/emisor transmite o seu produto/mensaxe ó visitante/receptor.  A eficiencia no deseño desta canle é crucial para que a comunicación se realice satisfactoriamente. 

As dimensións e a variedade da mostra puxeron a proba a destreza no deseño de tódolos espazos, pois nun contexto tan sobrecargado de información e de imaxes complícase a tarefa de establecer a comunicación da maneira desexada. 

Algúns exemplos da pasada edición de MADEexpo:


MADEexpo Feria 4
MADEexpo Feria 5No stand de "Listone Giordano", utilizan varios módulos que agochan espazos de gran carga escenográfica e o parquet  convértese no protagonista na creación dos  ambientes. Atrae dende lonxe por sinxelo, invita... e envolve cando se pasea entre os micro-decorados, que lonxe de mesturarse visualmente pola proximidade entre eles, logran crear atmosferas moi ben diferenciadas. Máis imaxes na súa web.


MADEexpo Feria 6
MADEexpo Feria 7
Non é unha escusa dicir que o producto non é moi vistoso, hay que botarlle imaxinación e buscar o seu mellor "perfil". Se fabricas xuntas para ventás... tomas o elemento que mellor identifica a variedade do teu produto e o convirtes nun elemento decorativo e identificador. Máis imaxes na web dos deseñadores.

Os seguintes catro casos da mostra amosan diferentes solucións á hora de presentar un mesmo tipo de produto (portas). Distintas relacións entre produto/stand:


MADEexpo Feria 8
O impresionante espazo de Riccardo Giovanetti para Sofia chama a atención pola forma pero sobre todo pola solución construtiva. As láminas que forman a envoltura non son máis que pranchas de poliestireno de 4-5 cm penduradas do teito. A forma ven xerada polo logotipo da empresa polo que realmente resulta un deseño coherente, económico e impactante. Pola contra costa un pouco darse conta de que fabrican portas, nin te paras a miralas porque están no interior do espazo case ocultas, se cadra está deseñado máis de cara a clientes actuais que a novos consumidores Máis imaxes en designshell.com e en decoist.com

MADEexpo Feria 9
MADEexpo Feria 10
No caso de Cormo, non se complican moito, catro módulos con forma de "casa" fan de soporte para expoñer as portas, un espazo aberto que invita a ser percorrido. Non resulta tan impactante a solución pero atrae por sinxela e limpa e cumpre a súa función correctamente. Para facerse entender, non hai que gritar, basta con falar claramente.

MADEexpo Feria 11
Hai produtos que necesitan dunha atmosfera moi concreta. Giuseppe Bavuso recrea nostand Rimadesio un ambiente exclusivo que transmite calidade e elegancia para situar as súas portas no contexto que máis lle faborece. Máis imaxes na web da empresa.

MADEexpo Feria 12
E para terminar coas portas... ¿que pasa se o propio produto é o protagonista do espazo formando parte del como si de una obra escultórica se tratara?. As portas de Lualdi, saen do seu contexto para poñer en valor o seu poder estético adosadas a unha estrutura que nos traslada ás vangardas. Máis imaxes no seu grupo de facebook

MADEexpo Feria 13Esta foi a primeira vez que a cerámica española participaba en MADEexpo, e o espazo creado por José Ramón Tramoyeres co-fundador de GGlab non pasou desapercibido. A instalación "Fluidity", promovida por Tile of Spain en colaboración co ICEX e a Oficina Económica e Comercial de España en Milán, tivo como obxectivo interpretar as múltiples posibilidades que ofrece a cerámica para a construción sostible nas cidades actuais. Unha reflexión sobre a necesidade dunha  mellor articulación entre espazos públicos e privados, entre interior e exterior buscando transmitir ós profesionais da arquitectura máis innovadores a posibilidade de materializa-los seus proxectos máis creativos con Tile of Spain. A montaxe realizouse coa colaboración de Manolo García no seu taller de carpintería artística. Máis imaxes no blog Trendenciero  e imaxes da montaxe en designboom.com

Outros eventos paralelos dentro da feira:  


MADEexpo Feria 14
MADEexpo Feria 15
A cuarta edición do Laboratorio de Arquitectura que organiza a revista OfARCH  desenrolou o tema "REHABILITACIÓN E DESENROLO DA CIDADE". As actividades repartíronse nas tres zonas do stand: Área de exposicións, proxectos de laboratorio e materiais de construción; área de debates e conferencias e Área de bar/salón. Esta edición foi a sede da Accademia di architettura di Mendrisio de la Università della Svizzera italiana  e ademais dos modelos e debuxos de varios proxectos púidose ver ós estudantes e algúns profesores no taller.

MADEexpo Feria 16
MADEexpo Feria 17
InstantHouse, a terceira edición do concurso internacional para estudantes patrocinado por FederlegnoArredo y Politecnico di Milano presentou en MADEexpo a exposición dos traballos finalistas centrados na "vivenda social". 
1º PREMIO Fabrizio Fiscaletti (proxecto PDF)
2º PREMIO Iris Hilton (proxecto PDF)
3º PREMIO Stefano Tropea, Thomas Dieben, Mikel Martínez (proxecto PDF)

As feiras e salóns expositivos adoitan ser unha estimulante fonte de información. E a visita a MADEexpo non foi unha excepción. Ademais de punto de encontro entre produtos e profesionais da arquitectura e a construción, foi unha sobredose de arquitectura efémera. Unha oportunidade para comprobar in situ que influencia causan os espazos sobre o visitante e sobre o produto que representan.

Volver a osollos

1 comentario: